Alá polo 1918, Antonio do Nicho facía o mesmo ca moitos galegos, emigraba. Antonio é o tataravó do meu fillo por parte da miña muller. O seu destino foi a capital de Cuba. Alí na Habana estivo tres anos facendo algo de cartos para volver ó seu San Fiz (Chantada) natal. A "Mingona", unha ribeira familiar que daba para o consumo e para vender algún viño á xente da montaña ou mesmo aos veciños; converténdose esta compra en algo importante na economía da casa e nunha das terras máis prezadas da familia. Despois, como ocorre con case todo, foi pasando de xeración en xeración ata chegar ás mans do seu neto, que a modernizou e prantou mencía, pero tamén deixou a garnacha e outras castes vellas que xa había na viña. O neto en cuestión é o pai da miña muller, que un día me dixo se quería seguir eu á fronte da Mingona. Despois de varios anos facendo viño para min mesmo, sabedor da importancia que para el tiña que alguén se fixera cargo, e coñecendo o potencial que tiña este pequeno anaco de terra; foi para min un orgullo e un reto coller o timón. Era a miña ocasión perfecta para ser viticultor, un pequeno viticultor.
Dende aquí darlle as grazas a el e a súa dona por deixarme cumprir o meu soño. Tamén polo seu apoio moral e laboral, igual cá miña muller e meu fillo. Deste xeito a Mingona continúa...
Unha homenaxe ó Antonio do Nicho.
Antonio do Nicho na Habana coa súa dona.
Con dous bisnetos en San Fiz (Chantada, Lugo)
A "Mingona" a súa adega